martes, 23 de abril de 2024

DÍA DO LIBRO

 Nesta semana tan especial, a Semana do Libro, acompañounos Manuel Fontemoura, autor do libro A nena do vestido de flores. 

Aprendemos que  todos somos iguais e, ao mesmo tempo, diferentes. Non queremos esquecer o que nos dixo cando se despediu: "Ningún neno só nin ningunha nena soa no patio".

Ademais, tivemos a sorte de que nos asinou os nosos libros de A nena do vestido de flores.

Grazas, Manuel, por compatir este día con nós. E, grazas tamén á Editorial Aira, por poñernos en contacto con Manuel.




sábado, 20 de abril de 2024

InnovArt 2024

 Este ano tamén quixemos estar presentes en Innovart. O alumnado de 1º, 3º e 4º desfrutou desta segunda edición de InnovArt 20224, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde participaron activamente en diversas actividades artísticas e musicais: obradoiros de percusión corporal, danza creativa, construción de instrumentos; e asistiron a diferentes actuacións musicais: actuacións corais, ensemble de guitarras, representacións operísticas, etc.

Aproveitamos a viaxe á capital galega para facer un percorrido polas rúas e prazas máis emblemáticas  da mesma, e poidemos merendar no Parque da Alameda mentres desfrutabamos das impresionantes vistas á Catedral de Santiago.

Tamén fomos visitar o Museo do Pobo Galego, onde quedamos abraiados coa riqueza da nosa cultura e o legado material do noso pobo.

Sen dúbida, unha xornada moi enriquedora para complementar as aprendizaxes dos nosos nenos e nenas.

                                 Preme na imaxe



lunes, 8 de abril de 2024

NAVEGA CON RUMBO

 Hoxe o alumnado de 5º e 6º de primaria asistía a unha charla do Plan Navega con Rumbo.

Deste xeito, o alumnado recibía recomendacións de como navegar con seguridade pola rede, evitar o ciberacoso e outros riscos da Internet. 




miércoles, 3 de abril de 2024

"NATURÉZATE"

 Hoxe o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º desfrutou dunha charla sobre a vida nos ríos galegos, o río Sil, enmarcada dentro do programa Proxecta "Naturézate" no que participa o centro.



jueves, 21 de marzo de 2024

"DONAS DE SÍ"

 Hoxe o alumnado de 4º, 5º e 6º desfrutaron coa Compañía "Polo correo do vento" da biografía de Luisa Villalta (homenaxeada nas Letras Galegas 2024), acompañados ademáis pola ilustradora Tania Solla, coa que aprenderon a facer un retrato da autora.

 Esta actividade está inmersa no Programa Proxecta "Donas de sí" no que participa o noso centro este curso.

 Moitas grazas a Quique e a Tania polo seu traballo.



XORNADA DE EDUCACIÓN VIAL

 Onte desfrutamos no CEIP Bibei dunha Xornada de Educación Vial na que tamén nos acompañaron os colexios da Veiga e de Vilariño de Conso.

O programa impulsado pola Deputación Provincial de Ourense acercounos ata o centro diferentes servizos: Garda Civil de Tráfico, Policía Local, Servizo Sanitario do 061, Protección Civil, os GES da Veiga e A cruz Vermella. Todos eles transmitíronnos coñecementos, habilidades e valores que son fundamentais para a seguridade e o benestar na vía pública, así como para a creación dunha cultura vial máis segura e respetuosa na sociedade en xeral.

Moitas grazas a todos eles, así coma o Concello de Viana do Bolo pola súa implicación.

                                                                         Preme na imaxe



jueves, 14 de marzo de 2024

XOGANDO AO ATLETISMO



Hoxe, xoves 14 de marzo, o alumnado de 3º, 4º e 5º de Educación Primaria foron a Ourense para participar na xornada deportiva de "Xogando ao atletismo" no recinto de atletismo de Expourense.

Os nosos nenos/as participaron en varias modalidades de atletismo (salto de altura, salto lateral, lanzamento de xavelina, resistencia e lanzamento de balón medicinal) e desfrutaron competindo e mellorando as súas habilidades motrices de diversas formas.

Ademais de achegarnos de forma lúdica e iniciarnos no atletismo, aprendimos moitos valores e dimos exemplo ca nosa actitude e comportamento.

Dita actividade atópase recollida dentro do Plan de Actividades Físicas e Saudables do centro para desenvolver o programa de Proxectos de Vida Activa e Deportiva (Xogade) na que o centro está a participar.